(Laudatio lida na Noite da Edición 2013, con motivo do 25 aniversario da casa editora)
© Clodio González
Señoras e señores, amigas e amigos todos, boas noites.
A Editorial
Toxosoutos nace o ano 1988 coa publicación dun libro de Manuel Fabeiro Gómez, A freguesía de Santa Mariña do Obre, a
parroquia noiesa onde están a editorial e tamén Gráficas Sementeira.
Ao comezo as pretensións editoriais eran
exclusivamente de carácter local, de dar a coñecer a riqueza artística e o
pasado histórico de Noia e da súa comarca, pero logo os directores, Manuel
González Millares e Xosé Agrelo Hermo, deciden estender o ámbito territorial a
toda Galicia, tendo sempre como estandarte a defensa e a promoción da nosa
lingua e da nosa cultura.
E a mellor proba de que ao longo
destes 25 anos non se deixou de traballar, tendo que superar ás veces serios
problemas, constitúena os libros que saíron do prelo dende entón, sempre do
obradoiro de Gráficas Sementeira, en diferentes coleccións: 93 de Nume, 71 de
Keltia, 57 de Trivium, 37 de Ensino, 35 de Divulgación, 23 de Letra Inversa, 17
de Bibliografía Filolóxica, 15 de Trasmontes, 14 de Fasquía, 14 de Memoralia, 14
de Esmorga, 13 de Banda deseñada, 11 de Cadernos do Cruceiro do Rego, 10 de
Seitura, 10 de Delfín, 7 de Narrativa histórica, 7 de Punto básico, 6 de Anais,
6 de Lingüística, 5 de Palestra, 4 de Infantil e 37 fóra de colección.
En total 506 títulos e, malia a crise que
todos estamos a sufrir e, especialmente, o mundo do libro, para o presente ano
está previsto que saían 20 máis.
A
Editorial Toxosoutos mantén como principio básico dende o seu nacemento o
compromiso por Galicia, e por iso a primeira edición de tódolos libros sempre é
na nosa lingua, agás cando se trata de publicacións en portugués. Logo moitos
saen tamén noutro idioma, mormente en castelán, cando se trata de temas de
interese fóra de Galicia.
Pero ao longo destes 25 anos Toxosoutos
non se cinguiu só ao labor editorial, senón que tamén promoveu eventos
culturais relacionados uns en particular coa comarca de Noia e outros a nivel
de toda Galicia, publicando as obras galardoadas ou mesmo con achegas económicas.
Tal é o caso dos premios de Historia Medieval de Galicia e Portugal,
convocados por primeira vez o ano 2001. Dende entón, coa colaboración económica
dos concellos da contorna (Noia, Lousame, Porto do Son, Outes, Muros e Carnota),
os galardoados en primeiro e segundo lugar, non só ven editadas as súas obras, senón que tamén reciben unha achega
económica de 4.000 € e 1.250 €, respectivamente.
Non é este o momento de enumerar tódalas obras premiadas, pero
permítanme que mencione varias, algunhas xa de consulta obrigada por parte dos
nosos estudosos do medievo, como Mentalidade
nobiliaria e nobreza galega de María del Pilar Paredes, Arredor
da conformación do Reino de Galicia de Xosé Antonio López Teixeira, Do imperio romano á alta idade Media.
Arqueoloxía da tardoantigüidade de Álvaro Rodríguez Resino, A chancelaria arquiepiscopal de Braga de
Cristina Almeida e Cunha, Xénese do
espazo urbano en Galicia de Tania Galán Gómez, O Casal. Uma unidade de orgaização social de espaço no Entre Douro e
Lima de André Evangelista Marques, Servos e escravos altomedievais no noroeste
da Península Ibérica de Marcos
Fernández Ferreiro, Elementos de adorno
altimediévicos em Portugal de Andreia Catarina Magallaes Arezes, A
nobreza medieval na lírica galego-portuguesa de Antonio Rey Somoza, e, xa
en 2012, Leda m’and’eu. Poética
erótica medieval galaica: á procura da nosa intrahistoria de Olga Novo, que se presentará ao
público o vindeiro mes de abril.
Actualmente este premio, así como as obras publicadas, constitúen xa un
fito de referencia entre os estudosos do medievo galegos e portugueses.
A Editorial Toxosoutos tamén colabora dende o 2001 no Certame literario
de Relatos de Aventuras “Antón Avilés de Taramancos”, que convocan tódolos anos
o concello de Noia e a revista Casa da
Gramática do Instituto noiés “Virxe do Mar”, neste caso editando as obras gañadoras.
E,
ultimamente, tamén se fixo cargo da edición do Premio “Modesto Rodríguez
Figueiredo” do concurso de Narracións Curtas do Pedrón de Ouro.
Non podo deixar de nomear aos principais protagonistas desta aventura:
en primeiro lugar a Manuel González Millares, propietario de Gráficas
Sementeira e do local onde ten a súa sé a Editorial, e ao primeiro director, o
mestre e amigo Xosé Agrelo Hermo, falecido en novembro de 2006, así como aos
seguintes directores: Iria Lago, Jacobo Llamas e agora David González Couso.
Pero
tampouco se pode esquecer e agradecer a axuda e colaboración prestadas por outras
persoas, algunhas xa falecidas, como en particular o autor do primeiro libro, o
erudito Manuel Fabeiro Gómez, e o poeta Antón Avilés de Taramancos, así como a Paco
Souto, Lois López Rico, Lola Pena, Santiago Casal, Ramón Blanco, Pepe Carreiro,
Alfonso Costa, etc., etc., que colaboraron, ou aínda colaboran, en labores de
asesoramento ou xestión comercial.
Tamén a tódolos compoñentes do xurado
dos premios de Historia medieval de Galicia e Portugal dende a súa constitución
en 2001: os presidentes Carlos Barros Guimaráns e actualmente Henrique
Monteagudo Romero, e os vogais Xosé Miguel Andrade Cernadas, Pedro García
Vidal, Xerardo Agrafoxo, Armando Luis de Carvalho e un servidor, Clodio
González Pérez. En particular pola miña parte, e en nome de tódolos que levamos
formando parte deste xurado, tamén lle damos as grazas a Toxosoutos por ternos
confiado tan importante labor.
A
Editorial Toxosoutos que, como dixen, naceu coa humilde pretensión de dar a
coñecer o pasado de Noia e contorna, 25 anos despois conta cun fondo de 506
títulos, aos que se sumarán este ano, de non xurdir ningún atranco, 20 máis. Un
número de publicacións non doado de acadar por unha editorial e máis aquí entre
nós.
Agardemos que por moitos anos, malia
ás pedras –que agora xa non son pedras, senón grandes penedos- coas que
Toxosoutos e as demais editoriais galegas tropezan no camiño, non deixe por iso
de andar, aínda que sexa de vagariño, pero sen deterse, traballando arreo coma
o ven facendo dende 1988 pola nosa lingua e a nosa cultura. Traballando a prol
da Nosa Terra.
Parabéns para a Editorial Toxosoutos,
e, en particular para Manuel González Millares, así como para cantos dun xeito
ou doutro fixeron posible que chegase a celebrar o 25 aniversario.
Moitas grazas e boas noites.