O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

12 de abr. de 2011

Aurora Lestón arroxa luz sobre a figura do vákner


O vákner, unha das figura mitolóxicas máis misteriosas do imaxinario galego, documentada sobre todo nas lendas de tradición oral da zona de Cee e Fisterra, foi o tema elixido pola escritora muradá Aurora Lestón Mayo para darlle forma a un libro. Trátase dunha obra que ven de ver a luz no marco dunha colección de referencia dentro dos estudos celtolóxicos: a serie Keltia da editorial Toxosoutos.

Coa súa obra, titulada O vákner e o dragón, a autora tenta ofrecer unha explicación plausible da figura mitolóxica e da súa posible identificación cun dragón. Para iso, fai un exhaustivo repaso da presenza deste animal nos relatos míticos da Biblia, da épica medieval, das cantigas e da literatura de tradición oral. Todo coa pretensión de construír unha hipótese que identifica a figura do vákner co fáfner, o dragón por excelencia das culturas xermánica e escandinava.

O froito desta investigación e as conclusións ás que chegou a escritora de Muros foi presentado o pasado fin de semana na casa de cultura de Esteiro, nun acto promovido pola asociación Barbantia. Alí estaban, ademais da autora e da secretaria do colectivo cultural barbancés, Milagros Torrado; o director de Toxosoutos, David González Couso; o catedrático Fernando Alonso Romero; e a concelleira de Cultura, Laura Eiras.

Foi a edila a que se encargou de darlle a benvida aos presentes, ao tempo que puxo de manifesto a súa ledicia por contar cunha investigadora da categoría de Aurora no municipio de Muros. Logo tomou a palabra David González, que enxalzou a enorme calidade da obra presentada, unha opinión abalada polas insuperables críticas que ven de recibir.

Orixinal investigación

Tanto Milagros Torrado como Fernando Alonso fixeron fincapé no feito de que Lestón, licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago, se decidise por investigar o mundo da cultura e do folclore. O catedrático, que tamén é director da tese da muradá, encomiou o potencial da escritora e citou algunhas das pasaxes do libro.

Pola súa banda, despois de agradecer a colaboración prestada polas distintas partes representadas no acto, a autora falou do proceso que a levou á culminación do libro. Tamén expresou a súa satisfacción por poder publicar en Toxosoutos, editorial dirixida anteriormente por Xosé Agrelo, que precisamente foi mestre de Aurora.

A recta final do acto celebrado en Esteiro estivo protagonizada polo fillo que espera a investigadora de Muros, embarazada de sete meses. Milagros Torrado fíxolle entrega dunha camisiña cun debuxo dun dragón, na que se podía ler «pequeno cazador de dragóns», como a escritora é alcumada polo profesor Alonso Romero.

O público asistente ao acto recibiu un exemplar do libro, agasallo do Concello de Muros, que mercou douscentos.

La Voz de Galicia