O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

10 de abr. de 2011

A editorial Toxosoutos entregou en Carnota os premios de Historia Medieval de Galicia e Portugal a Marcos Fernández e Andreia Magalhaes


A investigación histórica adquiriu onte o protagonismo que merece durante o acto de entrega dos décimos premios de Historia Medieval de Galicia que convoca a editorial Toxosoutos. Na casa consistorial carnotana, os galardoados deste ano, Marcos Fernández, pola súa obra Servos e escravos altomedievais no noroeste da península Ibérica, e Andreia Catarina Magalhaes, polo traballo titulado Elementos de adorno altimediévicos em Portugal, aludiron á importancia dunha iniciativa que fai posible que os investigadores vexan publicadas as súas obras.

Neste sentido, Marcos Fernández, que recibiu o primeiro premio, manifestou que, no eido histórico, escasas son as ocasións nas que se pode ver editado o traballo.

Bo entendemento

Por la súa banda, Andreia Catarina Magalhaes referiuse o entendemento das comunidades galaica e portuguesa.

Coa tenente de alcalde carnotana, Marisol Piñeiro, como anfitrioa, e coa presenza dos rexedores de Muros, Domingos Dosil; Lousame, Santiago Freire; e Outes, Carlos López Crespo, o acto desenrolado en Carnota supuxo o remate do primeiro ciclo deste certame, segundo manifestou o coordinador de Toxosoutos, David González.

O representante da editorial agradeceu a colaboración dos concellos e manifestou que sen o seu esforzo sería imposible a organización do premio.

Tamén aproveitou González para avanzar aspectos relativos á vindeira edición, na que a vila de Noia será o lugar no que se efectúe o fallo.

Pola súa banda, a tenente de alcalde, Marisol Piñeiro, indicou que o esforzo, a colaboración e o diálogo entre os dirixentes da comarca fai posible a recuperación e a posta en valor do patrimonio local. Neste sentido, referiuse á importancia que isto ten no eido cultural e no da potenciación turística.

Calidade das obras

En representación do xurado tomou a palabra Pedro García Vidal, que non dubidou en enxalzar a calidade das obras que concorreron ao certame. Neste sentido, precisou que cada ano se constata un maior nivel histórico e literario dos traballos que se presentan e, ao mesmo tempo, increméntase o número de autores participantes.

Pedro García Vidal definiu o certame como unha inversión grande en cultura. Tamén dixo que se trata dunha iniciativa novedosa a nivel do Estado porque se trata do único certame no que se valoran os estudos da historia medieval.

Tampouco deixou pasar a oportunidade de destacar o mérito dos concellos en poñerse de acordo para facer unha inversión cultural deste calado. Sobre isto engadiu que este aspecto redundará de xeito moi positivo en diferentes eidos.

LA VOZ DE GALICIA