O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

16 de abr. de 2011

A escrita escalena de Xosé Agrelo Hermo


A figura do infatigable Xosé Agrelo Hermo ha merecer sempre toda canta homenaxe se lle tribute: mestre comprometido coa causa da lingua e a cultura de noso, profundador nas raiceiras da historia galega, ensaísta responsable de importantes plataformas de escrita xornalística e director durante moitos anos dunha das nosas máis activas empresas editoriais, a Editorial Toxosoutos, foi, sobre todo, un destacado autor dramático ao que debemos algunhas destacadas pezas publicadas na década dos setenta do pasado século, varias delas representadas mesmo antes da morte do Ditador, nun tempo no que escribir e levar a escena obras en galego tiña unha especial significación.

A casa editora que axudou a fundar e que con tanto acerto capitaneou dende 1988 ata o seu pasamento en novembro do 2006 recupera agora un texto teatral seu que permanecía inédito, O triángulo escaleno, nunha coidada edición que contou con dous prologuistas de luxo: o historiador e narrador noiés Xerardo AgraFoxo e mais o dramaturgo e académico Euloxio R. Ruibal.

Os limiares de AgraFoxo e Ruibal dan conta tanto da intensa traxectoria teatral de Agrelo Hermo (como promotor e mais director de grupos e compañías e aínda como autor e adaptador de textos) como da análise particular do universo escénico que propón a peza exhumada.

O triángulo escaleno é un drama breve que xira entorno á problemática convivencia amorosa de tres personaxes que se configuran como os complexos vértices da figura xeométrica que dá título á propia obra: Marta e Verónica, dúas mozas estudantes en Compostela, buscan alguén que se preste a compartir alugueiro con elas e aparece nas súas vidas Brais, un seminarista que pronto alterará o rumbo das súas vidas sentimentais. Marta, lesbiana, está namorada de Verónica, quen, por súa vez, fica engaiolada de Brais, que se deixa querer desta última pero ao que tampouco desagrada Marta.

A escusa deste triángulo amoroso dá pé á reflexión sobre cuestións capitais para o ser humano como o sentido da fidelidade, a entrega amorosa, os difíciles lindes entre a amizade fonda e a paixón ou o monstro dos celos, por citar só algúns dos temas abordados pola peza.

Das bondades do Agrelo Hermo dramaturgo e, máis concretamente, dos valores deste O triángulo escaleno dan conta máis cumprida AgraFoxo e Ruibal nos seus respectivos prólogos, por veces sorprendentemente encontrados no apuntamento de certos datos (é o caso da datación dalgunhas obras, que difiren dun a outro prologuista, deixando na dúbida ao lector), mais precisos e abondosos en moitos outros sentidos.

Actual e suxestiva, a escrita de Xosé Agrelo Hermo neste O triángulo escaleno é unha invitación irresistible dende a propia cuberta, felizmente ilustrada polo pintor, tamén noiés, Alfonso Costa, e constitúe unha ocasión inmellorable para nos achegar á obra dun autor ao que sempre ha pagar a pena (re)ler.

CRITICALIA