O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

12 de abr. de 2012

Os anos da emoción, por Pilar Ponte


Marcelino Fernández Mallo descubriuse un día sorprendido por unhas liñas que sumadas a moitas outras deron lugar á súa última novela,Pallarega: unha historia de protagonista que nos leva de paseo pola vida de Nicolás Traseira a través de diferentes paisaxes xeográficas e vitais. Logo de Klásicos, coas divertidas peripecias de Horacio, chéganos esta nova historia xestada hai tempo e de fasquía ben diferente.Aínda así, podemos detectar algunhas constantes de estilo como a intención de achegar unha perspectiva
persoal ou a busca de contido social. O propio autor sinala como obxectivos da obra, dunha banda, o retrato desa xeración admirable
dos nados entre os anos 20 e 40 do século XX,e doutra banda
unha “posta en valor da saudade” como forza motriz de cambio. E é así como a Pallarega,Madrid,A Habana e A Coruña serven de fondo para uns anos decisivos da vida do protagonista,os que el mesmo denomina como“os anos da emoción”,aqueles en que nos abrimos á vida porque aínda todo nela pode ser e talvez por iso a novela remata abruptamente no preciso momento en que é posible albiscar o futuro porque os camiños xa foron trazados.

Faro da Cultura, 5 de abril, p. 6