As peculiares construcións proceden do labor comunal dos coidadores de gando. Das súas mans medraron estes monolitos anónimos -"os máis deles non llos viron empezar a ninguén", explica Araúxo, "outros teñen uns 50 anos"- que puntúan os cordais ourensáns. Pero non só. Estes acenos de pedra tamén agroman na Serra da Estrela ou na Serra Amarela, de Portugal, en Francia, Alemaña, Irlanda ou en Canadá, Groenlandia, Mongolia ou o Xapón.
"Estas pedras chairas que se erguen como enigmáticos tótems", arrinca o seu escrito Claude Royet-Jounord (Lyon, 1941), "ou mesmo pregarias, libros amoreados para unha lectura futura e improbábel". O francés, traducido ao galego e editado por Araúxo en Amastra-n-gallar, elabora unha prosa que asexa o inestábel sentido dos estantes de pedra dunha perspectiva poética, fundada en Mallarmé: "Espetadas na terra e erguéndose como unha arma, láminas de pedra forman unha moi estraña procesión nese lugar devastado".
Da admiración de Emilio Araúxo por Uxío Novoneyra emerxeron as conversas de Dos soños teimosos. E neste rexistro dos homes de pedra ecoa o materialismo toponímico dos poemas d'Os Eidos: "No libro [70 fotos] espellan o amanzón do Lombo de Aceal, do Tombeiro do Cágado, as muradellas da Cagalla, o home de pedra do Corgo do Cabalo, as Aguilladas...". Son outros rastros para o labor do escritor Araúxo: testemuñar a desparición da vida rural.