-¿Como xorde a idea de facer un libro sobre Novoneyra?
-A verdade é que levo moitos anos traballando sobre a súa poesía porque me gusta dende que era unha rapaza. Este, que xa é o segundo libro que publico sobre Novoneyra, é unha homenaxe que coincide coa celebración das Letras Galegas na súa honra.
-Fáleme do libro...
-O que pretendo é tratar de analizar con profundidade a poesía profunda do poeta.
-¿Sobre que textos traballou?
-Empreguei todos os libros que Novoneyra editou en vida para ver como el se presentaba a si mesmo: quen o prologaba, a quen citaba e que datos biográficos daba. -¿Que novidades aporta sobre a obra do homenaxeado?
-Aporta unha lectura con ollos do presente e moi crítica, como ao poeta lle gustaría que se fixese. Tamén trato de mostrar as súas diversas voces, alonxándome dos tópicos simplificadores que o consideran como o poeta do Courel, xa que é moito máis cá iso.
-¿Que é o que máis lle gusta a vostede da obra de Novoneyra?
-O amor á beleza diversa en sentido profundo, que inclúe o raro e incluso o considerado feo.
-¿Como definiría vostede ao poeta?
-A veces dise que é un poeta pouco prolífico, pero non é certo. Era moi crítco coa súa obra e importáballe máis a calidade que a cantidade. Por iso pasaba anos sen publicar. Moitas veces, optaba por limpar as súas obras, dicindo o máximo coas mínimas palabras. Tendía ao minimalismo.
-¿E o seu estilo?
-É moi diverso, pero en xeral destaca esa procura pola palabra certeira. De feito, ten moitos poemas dun só verso. É o poeta do poema pequeno.
-Vostede afirma que Novoneyra non é só o poeta do Courel, ¿cales son os seus lugares?
-En primeiro lugar están os seus lugares amados do Courel -a aldea de Parada, a de Moreda e outros microtopónimos como un camiño ou unha fonte con nomes propios-, e logo cidades como Compostela, onde viviu os seus últimos anos, Lugo e Madrid.