O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

2 de feb. de 2011

Claudio Rodríguez Fer: "Unha tempada no paraíso" supón unha reivindicación da paz, da felicidade e do amor sen límites"


Vanesa Oliveira

Galicia Hoxe


O escritor lugués Claudio Rodríguez Fer -autor de máis de medio cento de obras- deuse a coñecer como poeta erótico en 1979 con Poemas de amor sen morte, engadíndose así á nómina de creadores que renovaron a poesía galega dos oitenta. Unha dimensión, unida á de liberdade, xustiza e paz, que se conxugan no seu novo poemario, Unha tempada no paraíso, que tira do prelo Toxosoutos na súa colección Esmorga. Rodríguez Fer, director da Cátedra Valente e profesor na USC, presenta hoxe ás 19:30 horas na Fundación Eugenio Granell de Compostela a súa obra, acompañado pola poeta Olga Novo, que prologa a obra e de David González, director de publicacións de Toxosoutos. "Unha reivindicación da paz, da felicidade e do amor sen límites", así define o poeta este libro, dividido en seis partes, dende Soamente a apoteose até A bomba rosa, unha viaxe á busca dun paraíso antibíblico na que a utopía de cambiar o mundo e reinventar a vida se resume na rosa bigbánica, o sexo da muller como acceso ao coñecemento.

Unha tempada no paraíso contén estratos múltiples, ecos intertextuais que conforman o mapa dunha obra total, cohesionada no seu polifónico clamor de rotundo vitalismo e compromiso ético.

Por iso Eros sen Tánatos non se concibe sen amor pola memoria e polo restablecemento da dignidade ás vítimas da barbarie, e neste senso o libro conecta, como veremos, coas proclamas de poesía pola memoria antifascista contidas en A loita continúa (2004) e Ámote vermella (2009).

O lugar do amor é sempre o lugar da paz. Así nace a poética do paraíso que nos libera do tráxico fatum occidental que entrega sen remedio as nosas paixóns á morte alzando negras velas ou velenos entre os amantes. E mentres a propia lectura do libro se revela como tempada no paraíso do goce da beleza escrita, o poeta ofrece unha serie de "retallos de vida compartida en harmonía profunda", isto é, a experiencia concreta e material dun paraíso de persoas.

Neste poemario, como indica Olga Novo na introdución, están presentes os tres piares da súa poética: a utopía, o erotismo e o coñecemento. Que supón Unha tempada no paraíso dentro da súa traxectoria literaria?

Despois da triloxía da memoria composta por Lugo blues, sobre a historia da miña cidade natal; A loita continúa, sobre a historia de Galicia, e Ámote vermella, sobre a represión das mulleres progresistas, Unha tempada no paraíso supón unha reivindicación da paz, da felicidade e mais do amor sen límites.

Cal é ese paraíso poético e vital ao que fai referencia no libro?

A utopía libertaria, que é posible na vida e na terra, porque os paraísos poden vivirse e son posibles malia todo. Po iso tomo como motivos o amor, o erotismo, a viaxe, o lugar e a arte, materializada nas ilustracións de Sara Lamas.

Ese paraíso cífrase en termos de feminismo, vitalismo, compromiso ético, liberdade... conceptos contrapostos ao paraíso bíblico ou á eternidade relixiosa. A poesía é unha forma de buscar unha utopía que arrede os complexos de culpabilidade inseridos na nosa mentalidade durante séculos de relixión?

Por suposto: existe o paraíso, pero está na Terra, aínda que ás veces nos queiran impoñer o inferno.

Na propia estrutura do libro, que empeza con "Soamente a apoteose" e remata co Big Bang da Bomba rosa, ponse de relevancia a busca dun paradigma cosmolóxico invertido. A fin do mundo é o comezo?

Dende logo, porque o mundo, como o amor e a poesía, non ten fin, e cada momento é un principio.

Tamén hai unha concepción do amor aberto, como un lugar de paz, de pracer. De feito, o libro comeza cunha dedicatoria ás unións libres. ¿Ao amor absoluto só se chega coa liberación do colectivo?

En efecto, porque non hai amor, senón probas de amores.

Os poemas tamén mostran a pegada do celtismo, as referencias a Delfos ou Creta como lugares habitados polas belas cariátides, é unha proclama á independencia radical das mulleres?

O celtismo é unha constante na miña obra dende o primeiro libro ao próximo, que se titulará Meus amores celtas, e a independencia da muller é para min outra constante, pois a liberdade non existe senón é compartida por todos e por todas.

Hai un poema dedicado a Lolá Doreste e Ángel Johan e outro a J. A. Valente, unha despedida. Que significan estes poemas?

O primeiro trata da afirmación do paraíso a través do amor aínda no inferno do fascismo e o dedicado a Valente lembra como se enfrontou coa morte o poeta ourensán, que, no momento en que se despediu de Carmen Blanco e de min a última vez que o vimos, nos dixo antes de que partiramos: "Xa teño nostalxia de vós".

Cal é o significado de Macumba?

O feitizo do abrazo á diferenza corporeizada na estranxeiría, porque quen é de fóra nos permite a nós ser nós mesmos, ao facer de nós tamén persoas estranxeiras, porque debemos asumir que en realidade todos somos estranxeiros, aínda que ás veces esteamos de permiso ou teñamos papeis.

O Big Bang da Bomba rosa fai referencia ao sexo da muller como principio metafísico, como acceso ao amor incondicional e ao coñecemento. A muller é orixe e destino sempre nos seus poemarios, a que se debe?

Por amor concreto e pola situación potencialmente liberadora da que é portadora nunha sociedade patriarcal como a nosa. Polo demais, todos os meus poemas foron sempre poemas de amor, mesmo os que tratan de xenocidas ou tiranos, porque neste caso son poemas de amor ás súas vítimas. Non sei facer poemas de odio nin me gustaría que houbese odio non meus poemas porque creo que neste mundo xa hai odio dabondo fronte á escaseza de amor.


ler máis