Da man de Antonio Rey Somoza, máximo especialista na biobibliografía de Xesús San Luís Romero, publícase na Editorial Toxosoutos a peza de teatro Foliada no rueiro, paso cómico folclórico en dous actos que o autor de Carballo escribira en 1959 e que permanecía ata hoxe inédita. No breve pero documentado estudo introdutorio que precede á obra, Rey Somoza dá conta dos principais riscos da vida e produción do autor para deterse, con maior detalle, na descrición da súa escrita teatral e, máis particularmente, da peza editada e a súa relación co drama costumista e de crítica social Rosiña, tamén da súa autoría.
Unha recuperación acaída esta de Foliada no rueiro, realizada por un competente Rey Somoza, grazas ao cal hoxe figuran en volume non só a amentada Rosiña, senón tamén o drama Xenreira e mais os Versos escritos en Buenos Aires e outros poemas de San Luís Romero.
Como queira que aínda fica abonda obra teatral do escritor por recuperar, non ha ser mala idea a de ir debrocándose na lectura desta divertida Foliada no rueiro na espera de futuras exhumacións tan oportunas como a presente.