O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

7 de feb. de 2011

«Para afirmar a vida hai que denunciar a morte»


Poeta, narrador, autor teatral e ensaísta sempre en vangarda, Claudio Rodríguez Fer é tamén autor de máis de medio cento de obras creación e investigación. Pero, por riba de todo, é poeta erótico, dimensión coa que seu a coñecer en libro e á que consagrou numerosas obras. Director da Cátedra Valente de Poesía e Estética, da USC, Rodríguez Fer, ven de presentar seu libro Unha tempada no paraíso, na Fundación Granell, obra de poemas publicada pola editorial Toxosoutos na súa colección Esmorga, con ilustracións eróticas de Sara Lamas.

-O público abarrotou a sala con esta presentación, cando no é moi frecuente, especialmente cando se trata de poesía.

-Non, o cal alégrame moito pola editorial, pola autora das ilustracións, polo libro e tamén polo feito de que esta presentación tivo lugar na Fundación Granell, unha bandeira da vangarda en Galicia, á que ademais me sinto vinculado porque fun amigo de Eugenio Granell, o pintor que lle da nome, con quen publiquei un libro no que el facía serigrafías e eu os poemas.

-Amor, liberdade e poesía, que dalgunha maneira, son os eixos da súa poesía.

-Si. Forman parte da miña poética esencial. A miña obra caracterízase por un espírito libertario. Outra cousa é que este tipo de creación libre sexa o que lle interesa ao capital que comercia e vende literatura de masas. Polo tanto, esta é unha razón de máis para practicar a insubmisión ante toda clase de compracencia ou comercialismo.

-Que a poesía xa non ocupe as aulas, nin estea de moda, como noutros tempos, debe ser algo moi triste para o poeta.

-É lamentable. É unha perda gravísima que isto suceda. O que pasa é que moita xente se rebela moitas veces contra este tipo de castración da sensibilidade, a través precisamente doutras válvulas de escape, como pode ser a canción, porque a xente ten necesidade de poesía.

-Pode ser que a poesía, como o cine e outras artes necesite redefinir novos espazos.

-Como publicación minoritaria aínda subsiste, Noutras épocas tampouco se vendía masivamente a poesía en libros, pero si se transmitía masivamente a través das cancións. Pero a poesía debe ir gañando outro tipo de vehículo ou medio de expresión. Eu mesmo fago poesía visual.

-¿Por que tamén a memoria histórica, outro eixo da súa poesía, está presente nese libro?

-Porque para afirmar a vida é necesario denunciar a morte. eu fago poesía pola vida e, polo tanto, estou obrigado a facer memoria contra a morte. Para que non volva a suceder o que sucedeu e compensar aos que padeceron inxustamente. Eu fago cos meus versos xustiza poética, xa que xustiza histórica é imposible.

LA VOZ DE GALICIA, 5 FEB 2011