Editorial Toxosoutos presenta
A grafía dos mapas
de Lupe Gómez
Xoves 24 de febreiro ás 20h,00
Libraría Pedreira
Rúa do Home Santo, 55, Santiago de Compostela
“É profundamente seria. É desas persoas que non necesitan falar. Non necesitaría escribir poemas” díxolle Uxío Novoneyra a Emilio Araúxo, falando sobre min, o 23 de setembro do ano 1999. Eu alégrome –e emociónome profundamente- ao saber que co silencio é suficiente, e que non sería necesario escribir nin falar.
Durante o proceso creativo de “A grafía dos mapas”, Araúxo e máis eu intercambiamos moitas cartas, ideas, pensamentos, sentimentos, fotos e mails ao longo de varios anos e os dous sentimos que atopabamos o amparo dunha árbore baixo a que non era necesario falar, escribir nin facer poemas. Abondaba con estar, mirar, percorrer a memoria alegre dun camiño enorme, estraño.
As fotos do Entroido chegaban a min a través dos simpáticos carteiros e das amables carteiras que traballaron e traballan no meu barrio compostelán. Nesa correspondencia atopei, e sigo atopando, o amparo e a forza para cantarlles ao Amor, á Terra e á Amizade.