O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

16 de maio de 2013

Letras galegas 2013. Laura Tato no Ateneo de Santiago: "Vidal Bolaño reinventou e profesionalizou o teatro galego"


Roberto Vidal Bolaño normalizou o teatro en Galicia, incorporando elementos da cultura tradicional, da literatura, das artes plásticas e mesmo do adiovisual, afirmou este luns no Ateneo de Santiago a profesora da Universidade da Coruña Laura Tato, especialista na obra do autor elixido pola Real Academia para conmorar o Día das Letras Galegas. Presentaron o acto, seguido por numeroso público, os tamén académicos e ateneistas Salvador García Bodaño e Euloxio Ruibal.
Laura Tato fixo un minucioso percorrido pola extensa obra dramática do autor Compostelan Roberto Vidal, atendendendo, sobre todo, á
súa evolución dramatúrxica e escénica dende que, en 1973 e ata 1985, puxo en marcha o grupo Antroido, despóis dunha primeira etapa no grupo cinematográfico “Lupa” e no grupo teatral “Obradoiro”.
Para a profesora Tato, Vidal Bolaño participou xunto a Euloxio Ruibal no que denominou a “refundación do teatro galego” e na súa profesionalización, chea de dificultades pero plagada de acertos. Destacou unha primeira fase na que incorporou á súa dramaturxia a cultura popular galega, seguida dunha segunda etapa na que sumou as fontes literarias galegas –Rosalía, Cunqueiro, Ferrín, Otero Pedrayo- e unha tercerira, entre 1985 e 1991, en que, por presións políticas, viuse marxinado da escena e nutre a súa creación cunha bagaxe estética e técnica dos medios audiovisuais.
A conferenciante destacou a etapa final do autor, morto prematuramente cando apenas contaba cincuenta anos, como unha etapa de plenitude artística e creativa coa compañía “Teatro do Aquí” e a colaboración co teatro institucional do Centro Dramático Galego.