O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

15 de maio de 2013

Espello Cóncavo leva a escena Azos de esguello, de Euloxio Ruibal.

En realidade, Azos de esguello si foi antes levada a escena, pero por compañías non profesionais. Unha delas foi Teatro do Vilar, no marco da Mostra de Ribadavia. O propio Arturo López dirixiu o grupo Valacar noutra daquelas montaxes amadoras. “Sempre admirei moito o teatro de Euloxio Ruibal, e penso que non hai correspondencia entre a súa calidade e o pouco que se representa. Por iso decidimos celebrar o 20 aniversario da nosa compañía con Azos de esguello. Eu penso que o CDG non a representou porque naquel tempo o personaxe de Galisindo se identificou con políticos das altas esferas”, explica.

Esta mesma tese tamén a comparte Laura Tato na edición de Azos de esguello que Toxosoutos tirou do prelo no 2011. Para ela, foi un caso de “censura sen paliativos á sátira máis virulenta que até o momento fora escrita contra a novísima democracia galega e, máis e concreto, contra a súa clase política”. O personaxe en cuestión, que Laura Tato relacionou co O porco de pé de Risco ou Viaxe ao país dos ananos de Celso Emilio Ferreiro, é unha caricatura do indiano que volve a Galicia e se mestura en negocios turbios. Galisindo compra xornalistas para que agochen as súas infraccións urbanísticas, presiona o alcalde para que lle deixe facer, e consegue que o nomeen gobernador a cambio da xenerosa doazón económica que, no seu día, lle concedera ao partido que acaba de conquistar o poder. “Galisindo é un estereotipo, que non creei pensando nun político concreto. O problema é que eran os inicios da preautonomía, e seguían no poder, en gran parte, os mesmos. O franquismo sociolóxico estaba moi presente, e aínda hoxe pervive”, reflexiona Euloxio Ruibal.

Ler entrevista completa