Estou orgulloso de ter publicado dous libros –agardo que veñan máis axiña- en Toxosoutos. Coñecín esta editora hai xa ben anos, cando a publicación da estupenda novela “A torre no deserto” do meu amigo, grovense de San Vicente, Xoán Fuentes Castro. Aló foron dez anos, que se cumprirán en poucos meses. O tempo corre que rabea. Digo que daquela coñecín a editora porque naquela data, un San Xoán do 2003, precisamente estivemos aló físicamente, en Obre, por vez primeira, con Manolo, o seu mecenas, co lembrado Pepe Agrelo, e moita xente marabillosa máis de Noia, compartindo todos conversas, viño do ribeiro e amor aos libros ben feitos. Xa coñecía de antes, e estimaba grandemente antes, a estupenda serie Keltia, a Seitura ou as súas pioneiras aportacións á nosa banda deseñada. Tamén as que viñeron despois e nas que tiven algo de parte, non sei se de arte tamén, con aportacións miñas e de moi entrañables amigos meus: Nume, Letra Inversa ou Esmorga… Non vou citalos a todos, nin aos traballadores de Sementeira, para non encher espazo de máis; non sendo a un amigo especial, David González Couso, sen o que moitos bos libros non terían visto a luz. É de xustiza recoñecer o seu traballo senlleiro, nestes tempos ingratos para a lírica –e mesmo para a épica-. Sen el o noso sistema literario seria infinitamente menos bio-diverso, e incomparablemente máis pobre tamén, menos de nós. Precisamos moitos editores coma este mozo de Ourense e do mundo.
ADIANTE, TOXOSOUTOS!!! Que a fervenza non pare polo menos noutros 25 anos!!! (e moitos máis que veñan)
© Ramón Caride