O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

2 de dec. de 2009


Iago Santalla presenta na Facultade de Humanidades de Lugo o seu libro O ilímite de pensarte libre o xoves 3 de decembro ás sete da tarde. Como ben dixo Chus Nogueira na presentación do mesmo libro na Libraría Couceiro en Santiago de Compostela, as presentacións de Iago comezan a ser xa un acontecemento. Esta é a terceira vez que, esperamos co mesmo éxito de público, que Iago nos fala do interesante concepto do ilímite. Un texto máis que recomendado para saborear e aprehender a esencia da vida:

Iago Santalla bota embaixo no seu libro os límites individuais e colectivos coa maza da súa palabra, a mesma que abre buracos que nos permiten achegarnos a unha realidade descoñecida pola maioría de nós e, polo tanto, incomprensíbel. Abertos os vans, a maza deixa o seu sitio ao cicel co que o autor labra delicadamente o seu texto gravando por veces nel palabras de voces amadas, compañeiras na viaxe da vida. ‘O ilímite de pensarte libre’ é un libro singular de principio a fin, desde a pel e o título até a despedida, que invoca uns versos do poeta celanovés a xeito de bandeira: «A vida é un motor moi complicado / i a morte unha solemne imbecilidá». Biografía, crónica, narración, denuncia social e relato lírico mestúranse nunha obra viva que rebenta co seu latexar as costuras de calquera xénero. A súa lectura ofrécenos ademais un fermoso agasallo de sabedoría ao ensinarnos que «o único erro irreversible e sen retorno no que non podemos caer é o de negarnos a vivir». A sabedoría de quen descubriu que «cando o home foi capaz de soñar naceu o mundo».
Chus Nogueira, 25/07/2009 El Progreso