O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

10 de dec. de 2009

Olladas dun intre de amor


Alberte Suras, poeta bergantiñán e cascarilleiro, segundo as súas propias palabras, vén de ver publicado o seu poemario Olladas dun intre deamor pola editorial Toxosoutos. Sen aínda entrar no contido dos versos, xa nos chama a atención pola súa edición curiosa e feituquiña alimentada polas ilustracións de Felipe Senén e o prólogo de Manuel María que se nos antollan complementarios e atinados para un volume destas características. Entrando xa en materia, dicirmos que este é un poemario de amor. Asolágao todo sen afogar. O sentimento exposto en mil formas e todas elas indo cara ao mesmo destino é a pulsión e a paixón reflectidas en versos sonoros, rítmicos, ondulantes e sinuosos da mellor poesía amatoria. Podemos buscar moitas influencias na poesía de Alberte Suras, mesmo se nos antolla fácil ver algo de Neruda, outro pouco de Manuel María, Bernardino Graña ou incluso Cunqueiro, autores que fixeron dos versos de amor insignia da súa poética; mais con recoñecer esta posibilidade non podemos deixar de subliñar a personalidade poética tan presente, tan evidente do poeta. O lector vaise deixar levar polas metáforas, imaxes e demais milagres literarios do autor. Non se pode ter a poesía de Suras como repetición ou mimetismo do xa feito. A súa poesía namora e fainos incondicionais dos que gustamos da boa literatura e a boa poesía. O poemario está estruturado en sete partes (número máxico), todas elas encabezadas cunha ilustración de Felipe Senén excepto as dúas seccións onde aparecen as odas. En cada unha das sección se nos van presentar diferentes claves deses diferentes camiños que van dar in e s c u s ablemente cara ao s e n t i m e n t o amoroso. Sen parar moito e resumindo os tópicos literarios que presenta o poeta, dicir que ao longo destas seccións o que predomina é a luz como símbolo de esperanza, de alegría de vivencia dun sentimento que está por riba de todo e que se debe de gozar fóra de desvaríos que non levan a ningunha parte. É pois, unha poesía vital. A experiencia amorosa non ten sombras se, como é o caso, se presenta sinceira. A luz necesaria para levar a vida, a necesidade do amor perenne que nos leva por vereas comúns cara a un futuro aínda mellor. Esta é unha interpretación posible da súa poesía. Por outra banda, preséntasenos a humidade como referente sensual e sexual, como simboloxía da manifestación eróticoamatoria e, por qué non, mística da relación entre o home e a muller que pode levar a un estadío moito máis elevado do que nos ofrece a cotianidade. A éxtase afectiva, o convencemento amatorio está presente nunhas Olladas dun intre de amor que son a forma de amarrar a felicidade para non deixala fuxir xamais nunca.

Héitor Mera, Faro da Cultura 10 .12.2009